Temas

Por que se debe formalizar por escrito o contrato de préstamo entre particulares?

07/01/2022 · Dereito civil

Se tes pensado prestar diñeiro proximamente a algún amigo ou familiar ou necesitas que alguén cho preste a ti, isto interésache!

En moitas ocasións os préstamos entre particulares quédanse nun mero pacto verbal, é o habitual xa que xeralmente este tipo de préstamos fanse en circunstancias de especial confianza ou estreitas relacións de afectividade. 

Cal é o problema?

O problema é evidente. Non recoller por escrito este contrato de préstamo, aínda que sexa de xeito privado (sen necesidade de acudir á notaría), xera unha gran inseguridade xurídica para ambas as partes, prestamista (o que presta o diñeiro) e prestatario (o que recibe o diñeiro).

Que é un contrato de préstamo entre particulares?

É un acordo de transacción económica entre un prestamista e un prestatario, onde o primeiro ofrece ao segundo unha cantidade de diñeiro e o segundo se obriga a reembolsar esta cantidade nun prazo determinado, fixado de común acordo entre ambas as partes. 

Por que che interesa como prestamista?

Interésache porque, formalizando este contrato privado, terán un título válido para reclamar a débeda ante a xurisdición civil no caso de que o prestatario incumpra a súa obriga de devolución do capital entregado.

Por que che interesa como prestatario?

Interésache porque deste xeito queda acreditado o importe da cantidade prestada e se esta xera ou non intereses. Isto é, quedas blindado fronte á posibilidade de que chegado o momento o prestamista decida reclamarche 50.000.-€ en lugar dos 30.000.-€ efectivamente prestados.

Beneficioso para ambas as partes

Como vemos, formalizar este tipo de contrato resulta beneficioso para ambas as partes.  Ademais trátase dun documento privado sinxelo e que supón un custo escaso para as partes. Por tanto, todo son vantaxes. 

Por último, unhas indicacións...

Que datos debemos incluír ineludiblemente no noso contrato de préstamo entre particulares?

1.       Os datos do prestamista e o prestatario.

2.       A cantidade que se presta.

3.       O destino que se lle vai dar ao capital prestado. Isto é, que vas facer cos cartos? É importante deixalo previsto no contrato.

4.       O modo de devolución da cantidade prestada: transferencia bancaria ou abono en metálico e, neste último caso, o lugar onde deberá realizarse o pago.

5.       Periodicidade da devolución do diñeiro: será a que de común acordo se pacta por ambas as partes. Por exemplo: semanal, mensual, trimestral, anual, nun único pago, etc. 

6.       A contía que deberá devolverse en cada pago.

7.       Se a cantidade prestada vai devindicar ou non intereses e o tipo de interese que vaia xerar. Á hora de formalizar este tipo de contratos, debemos ter presente que non é obrigatorio que a cantidade prestada xere intereses a favor de quen a presta, senón que este tipo de préstamos poden ser tanto a título gratuíto (sen intereses) como a título lucrativo (con intereses). 

 

Cuestións relevantes en relación con este tipo de contratos: 

-          É importe que cada vez que se proceda ao pago dun prazo do capital prestado, o prestamista entregue ao prestatario un recibí firmado. Por que? Porque doutro xeito pasaría a considerarse que nos atopamos ante unha doazón encuberta, coas consecuencia xurídicas inherentes. 

 

-          Tamén é importante incluír unha cláusula na que se prevexan as consecuencias da falta de pagamento dunha ou varias cotas. 

 

-          Pódese incluír tamén unha cláusula na que se pacte que calquera das partes pode compeler á outra a elevar o contrato a escritura pública.

 

Teño que tributar por este contrato?

Debemos ter presente que estes contratos están suxeitos ao imposto de Transmisións Patrimoniais Onerosas e Actos Xurídicos Documentados (modelo 600). Pero están exentos, polo que non terás que tributar pola cantidade prestada. 

Pero... que prazo teño para presentar este imposto? O imposto deberá presentarse no prazo dun mes desde a data de firma do contrato. 

 

Se tes dúbidas e desexas que te axude coa redacción do teu contrato de préstamo entre particulares e posterior liquidación do imposto, podes poñerte en contacto comigo a través do formulario de contacto desta páxina web ou ben no teléfono móbil 656.283.486 ou no enderezo electrónico info@lorenafernandezboullonabogada.es

 

Compárteo!