Temas

Opcións dos traballadores ante a mobilidade xeográfica

16/02/2022 · Dereito laboral

Que é a mobilidade xeográfica?

Considérase que existe mobilidade xeográfica cando un traballador (que non fose contratado para prestar os seus servizos en centros de traballo móbiles ou itinerantes) se despraza ou se traslada a outro centro de traballo en distinta localidade que requira un cambio de residencia.

Para proceder a esta modificación requírese que a empresa xustifique que existen causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción que fan necesaria a adopción desta medida.

A resolución de traslado deberá ser notificada polo empresario ao traballador, así como aos seus representantes legais, cunha antelación mínima de trinta días á data de efectos.

 

Cales son as miñas opcións como traballador se me notifican un traslado?

Unha vez notificado o traslado, como traballador tes tres opcións principais:

  • Aceptar o traslado, percibindo compensación por gastos, tanto propios como dos teus familiares dependentes, nos termos que se acorden entre as partes, e que nunca serán inferiores aos límites establecidos no convenio colectivo de aplicación.

 

  • Solicitar a extinción da túa relación laboral coa empresa, con dereito a unha indemnización de vinte días de salario por ano de servizo, cun máximo de 12 mensualidades.

 

  • Sen prexuízo da executividade do traslado, o traballador que, non tendo optado pola extinción do seu contrato, non estea conforme coa decisión empresarial, poderá impugnala ante a xurisdición social. A sentenza que se dite declarará xustificado ou inxustificado o traslado e, no caso de que se considere inxustificado, recoñecerá ao traballador o dereito á súa reincorporación no centro de traballo de orixe.

 

Que acontece se me notifican un desprazamento?

Cando existan razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ou por contratacións relacionadas coa actividade empresarial, a empresa tamén poderá desprazarte temporalmente, tendo que cambiar de residencia a outra localidade distinta do seu domicilio habitual.

Neste caso, o empresario deberá aboarche, ademais dos seus salarios, os gastos de desprazamento e dietas, así como comunicarche o destino coa suficiente antelación (polo menos cinco días hábiles no caso de desprazamentos de duración superior a tres meses).

Se o desprazamento é superior a tres meses, terás dereito a un permiso de catro días hábiles no teu domicilio por cada tres meses de desprazamento, sen computar os días de viaxe como tal. Estes gastos correrán a cargo do empresario.

No caso de que se lle notifique un desprazmento, como ocorre cos traslados, pode impugnalo ante a xurisdición social se non o considera xustificado (todo isto sen prexuízo da executividade do desprazamento).

Debes saber que aqueles desprazamentos que teñan unha duración superior a 12 meses nun período de 3 anos terán a consideración de traslados, polo que darán a posibilidade de extinción da relación laboral con dereito a unha indemnización de 20 días de salario por ano de servizo.

 

Que acontece se o traslado ou desprazamento non implica un cambio de residencia?

Neste caso, non estariamos ante un suposto de mobilidade xeográfica, polo que non terías dereito á extinción indemnizada da relación laboral. Ademais, como regra xeral, non terás dereito ao pagamento dos gastos ocasionados, salvo que o estableza o teu convenio colectivo de aplicación.

 

Se te atopas nalgunha destas situacións e necesitas a axuda dun avogado laboralista podes contactar comigo por chamada telefónica ou WhatsApp no número de teléfono 656283486, ou por correo electrónico no enderezo: info@lorenafernandezboullonabogada.es

Compárteo!